A innovación pedagóxica protagonizou dous días de reflexión e debate no Gaiás con ‘InquEDU: Falemos de Educación’
InquEDU enmárcase na programación do Centro de Emprendemento do Gaiás, que cada ano desprega case 150 actividades sobre innovación e emprendemento
Todas as persoas interesadas na innovación educativa tiveron unha cita esta fin de semana na Cidade da Cultura de Galicia. O Museo Centro Gaiás convérteuse nun espazo para coñecer proxectos pedagóxicos innovadores que se están a desenvolver en Galicia e tamén fóra, promovendo unha mellor integración e concienciación da cativada nas aulas a través de abordaxes innovadoras como a música, a arte ou a maxia.
Estas son algunhas das cuestións que trata InquEDU: Falemos de Educación, un encontro promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Galicia Sustentable, e enmarcado na programación do Centro de Emprendemento do Gaiás. Dirixido a toda a comunidade educativa, tanto estudantes, como mestres e familias, o evento procura compartir iniciativas, divulgar ideas e proxectos pedagóxicos innovadores, así como fomentar o debate e a reflexión sobre novas propostas educativas.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, achegouse ata o evento onde compartiu uns intres cos protagonistas desta primeira xornada: os estudantes finalistas dos premios ComunicaTedu, unha iniciativa do seu departamento dirixida a impulsar as competencias orais activas do alumnado. O titular de Educación felicitou aos rapaces e rapazas polo seu traballo e agradeceu aos docentes a súa aposta por “fomentar unha aprendizaxe lúdica, rachando con tópicos como que a biblioteca ou a escola son lugares aburridos”. Rodríguez reiteraba así a súa aposta por un modelo educativo innovador e inclusivo “no que aprendizaxe sexa lúdica, e o lúdico sirva para a aprender”.
ComunicaTedu proponse dar resposta á necesidade de afondar na competencia en comunicación lingüística do alumnado por parte dun conxunto numeroso de centros galegos, que manifestaron este interese a través da oferta da materia de Oratoria. A temática do concurso este ano xirou ao redor da “Alimentación como hábito de vida saudable". Como resultado, presentaron no Gaiás os seus proxectos discursivos 10 equipos de estudantes de ensino secundario procedentes de seis centros de ensino –CPI As Mirandas de Ares, CPI Cruz do Sar de Bergondo, IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas, IES Chamoso Lamas do Carballiño, IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra e IES Carlos Casares de Vigo–, así como os profesores encargados de coordinar os seus proxectos. De entre todos foron premiados os tres mellores discursos, galardóns que recaeron no IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas (3º), o IES Carlos Casares de Vigo (2º) e no CPI As Mirandas de Ares (1º premio). O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila; e a responsable do Centro de Emprendemento do Gaiás, Berta Álvarez-Buylla, entregaron os galardóns.