O Grupo Municipal Popular visita COGAMI para coñecer tres das súas iniciativas de economía social: Trameve, Coregal e Galega de Economía Social
O responsable PP no Concello de Santiago informouse sobre o peso que ten a economía social na comarca para as persoas con discapacidade, a oportunidade laboral que supón ter estes tres centros de traballo activos na capital de Galicia
O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, acompañado da concelleira María José Corral, visitou os centros especiais de emprego Trameve, Coregal e Galega de Economía Social, tres das iniciativas sociais que xestiona COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). Hernández manifestou o interese que mantén o seu grupo polo traballo que están a desenvolver iniciativas empresariais sen ánimo de lucro que existen en Santiago, destacando a labor de COGAMI neste eido.
O responsable PP no Concello de Santiago informouse sobre o peso que ten a economía social na comarca para as persoas con discapacidade, a oportunidade laboral que supón ter estes tres centros de traballo activos na capital de Galicia e coñeceu de primeira man a importancia que ten que dende as Administracións se apoie este tipo de iniciativas empresariais.
Durante esta visita, os representantes do PP estiveron acompañados polo vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, a directora xeral de Galega de Economía Social, Mayte Gutiérrez, o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez, e os xerentes dos centros especiais de emprego, Luis Penido e Ramón García.
Na súa visita, os responsables de Trameve, centro especial de emprego situado no polígono do Tambre, explicáronlle o traballo que alí se desenvolve como é o despece de maneira ecolóxica de vehículos fóra de uso para a posterior venda das súas pezas, e que na actualidade abriu mercado á venda de vehículos usados. Nesta iniciativa, que iniciou no ano 2000, traballan arestora 14 persoas con discapacidade.
Na súa estancia en Coregal, Hernández interesouse por unha iniciativa que opera dende 1994, que se iniciou con 10 persoas e agora conta con 188 traballadores nos centros que ten en toda Galicia, das que 68 traballan en Compostela e o resto en Carballo, Narón, Boiro e Mos. Coregal dedica a súa actividade á recollida de residuos sólidos urbanos para a súa reciclaxe.
Por último, visitou Galega de Economía Social, a matriz do grupo empresarial onde traballan 27 persoas e que se encarga de prestar servizos de asesoría e consultaría ao conxunto das empresas que forman o Grupo GES, 10 iniciativas de economía social que empregan a 653 persoas das que o 92% destas teñen un certificado de discapacidade.