miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

María Pilar Alonso Abad, galardoada co XXII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

María Pilar Alonso Abad, galardoada co XXII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia
María Pilar Alonso Abad, galardoada co XXII Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia

O xurado destacou a súa traxectoria investigadora e académica, vencellada á difusión do patrimonio cultural e dos valores do Camiño de Santiago

O xurado do XXII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, reunido onte en Santiago de Compostela, decidiu outorgar o galardón á académica e investigadora María Pilar Alonso Abad pola súa contribución á difusión dos valores do Camiño de Santiago na súa faceta de conferenciante e as súas singulares investigacións sobre o seu patrimonio cultural. Subliñando ademais a súa proxección nacional e internacional, dada a súa xuventude. 

A candidatura, presentada pola Universidade de Burgos, contou co apoio de máis de 30 institucións e universidades. Entre as que destacan o Consello Superior de Investigacións Científicas, a Junta de Castilla y León, Patrimonio Nacional e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago.

Ao comunicarlle a decisión, a premiada declarou sentirse “honrada de compartir o galardón con relevantes persoeiros e institucións, destacados polo seu labor en favor da sociedade e a cultura”. Neste sentido, apuntou que “seguirá traballando pola cultura e en defensa dos valores representados polo premio”, para seguir facéndose “merecedora deste recoñecemento”.

A cerimonia de entrega terá lugar o 6 de setembro no marco da XXIV Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades, que este ano se celebrará na Universidade de Salamanca. Nesta cerimonia entregaráselle unha cuncha de ouro, emblema do Grupo Compostela de Universidades, e un premio en metálico de 6.000 euros brutos.

Perfil da galardoada

María del Pilar Alonso Abad é coordinadora do proxecto europeo Marie Curie en Arqueoloxía e Patrimonio Cultural, membro da sociedade Ernst-Herzfeld-Gesellschaft de estudios de patrimonio islámico e membro do Comité científico internacional da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago. Autora de obras como ‘El Real Monasterio de Las Huelgas de Burgos’ y ‘Las Vidrieras de la Catedral de Burgos’.

Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Navarra e en Humanidades pola Universidade de Burgos. Doutora en Humanidades coa especialidade en Historia da Arte por esta universidade castelán-leonesa.

Composición do xurado

A reunión do xurado do XXII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, estivo presidida polo secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo Suárez, en delegación do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González. Contou ademais coas seguintes autoridades: o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; o reitor da Pontificia Universidade Católica del Perú, Marcial Rubio Correa; o reitor da Universidade de León, Juan Francisco García Marín.

A secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira Rivera, actuou como secretaria do xurado.

Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

O Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, desde a súa creación en 1997, galardoou a persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos. En edicións anteriores o premio recoñeceu o labor de persoeiros como Jacques Santer (1997), Vaclav Havel (1998), Mohamed AlBaradei (2010), o Colexio de Europa (2012) e Marcelino Oreja Aguirre (2017).

O Grupo Compostela de Universidades

O Grupo Compostela de Universidades (GCU) é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da educación superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e desde a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os peregrinos do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.

Comentarios
Lo más