A Deputación da Coruña e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s achegan a tradición galega ao público infantil con "Pelo gato 24"
Goretti Sanmartin destacou a relevancia para transmitir "a lingua e o patrimonio inmaterial" ás crianzas
A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela foi o escenario escollido pola área de Cultura da Deputación da Coruña e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s para presentar a reedición de Pelo gato 24. O traballo, en formato Libro-Cd-Dvd, recolle unha escolma de cantigas tradicionais, xogos populares e videoclips, que teñen como obxectivo dar a coñecer e divulgar entre o público infantil algunhas das cancións máis representativas da tradición oral galega.
Xogos populares, trabalinguas, cantigas tradicionais, videoclips, e até catorce temas extraordianrios forman parte do contido Pelo gato 24, un exitoso traballo que tras ser editado no ano 2007 pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, volta a ver a luz este ano grazas ao apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña para facer chegar as novas xeracións de galegas e galegos o mellor da tradición musical e cultural de Galiza.
Durante o acto de presentación, a vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, na campaña dos membros da xunta directiva da Asociación de Giteir@s Galeg@s (AGG), Oli Xiraldez e Gustavo Couto, subliñou que "xogar e cantar en galego desde as primeiras idades é fundamental para a normalización da nosa cultura e lingua" e engadiu que proxectos como Pelo gato 24 contribúen " a facer sentir ás crianzas herdeiras dun tesouro que se transmite de xeración en xeración mais que precisa ser agarimado e coidado para que non esmoreza".
Goretti Sanmartín parabenizou a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s polo traballo realizado e destacou que este proxecto “entronca a perfección coa liña de traballo e reivindicacions que esta a promover a Deputacion da Coruña”, en alusión ao concurso musical en galego para xente nova “Quero cantar” que anualmente organiza a área que dirixe.
Ademais, a vicepresidenta da Deputación da Coruña aproveitou a súa intervención para lembrar a figura da Señora Carmen, participante no proxecto, “unha muller que traballou a reo por difundir o noso patrimonio e riqueza cultural” e que coa súa colaboración dou lugar a “este luxo de traballo”.
Pola súa parte, Oli Xiráldez apuntou que a xénese deste traballo partíu dun congreso de ensinantes de música onde “os mestres demandaban un produto co que poder trasmitirlle ás persoas máis novas a nosa tradición”, unha solicitude que sería o xermolo dun traballo cuxos xogos populares, cancións tradicionais, contos e trabalinguas “tiveron unha grande receptividade por parte do público hai xa unha década”.
Finalmente, Gustavo Couto avanzou que para esta reedición lanzaranse “2000 novos exemplares”, unha tirada que dende a vindeira semana xa estará a venda en librarías e establecementos especializados e que dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s agardan “que teña a mesma repercusión e boa acollida que na súa primeira edición”, en que consegueu ser “número un de vendas de música en galego”
Tras levar varios anos esgotado, Pelo gato 24 volta ao primeiro plano deixando rexistro dun patrimonio inmaterial, en que grazas a colaboración de máis de unha ducia de músicos e músicas, a poboación máis miúda poderá gozar dun xeito divertido da herdanza musical e cultural que deixaron os nosos devanceiros ao longo da historia e que son pezas clave da identidade galega.
Así, o Pelo gato 24 ofrece en formato Libro-Cd-Dvd un total de 14 cantigas tradicionais especialmente deseñadas para as nenas e nenos, e que baixo a dirección musical de Paulo Nogueira e Magoia Bodega foron interpretadas por cantantes e músicos do prestixio de Leilía, Fuxan os Ventos, Migallas, Xabier Díaz, Mercedes Arribe, Sonia Lebedynski, Sra. Carmen, Xurxo Souto, César Longa, Begoña Riobó, Pancho Álvarez, Segundo Grandío, Xosé Liz e a charanga Vai de Baile.
Ademais, o traballo inclúe un Dvd que fica formado por un docufilm dirixido por Pablo Carpintero e Gustavo Couto sobre os xogos tradicionais, e un "como se fixo”, en que se insiren os videoclips e mailos playbacks das cantigas. Deste xeito, o traballo achega tamén por medio do audiovisual como xogar á buxaina, as bólas, á roda do Río verde, ao arrincanabos, ao burro, ou a fulaniño que me matan entre outros.
A asociación de Gaiter@s Galeg@s representa na actualidade a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no eido da música tradicional en Galicia. Un ente creado para difundir e promocionar a nosa música e que hoxe en día conta con preto de 750 asociados e asociadas espallados por todas as comarcas galegas, e mesmo no exterior da Galiza. Así, a AGG conta con representantes na meirande parte de asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país.