miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Eco&Art volve durante o día de hoxe na Praza Roxa

Eco&Art volve durante o día de hoxe na Praza Roxa
Eco&Art volve durante o día de hoxe na Praza Roxa

O Ensanche acolle máis de vinte postos nunha actividade organizada por Santiago Centro, Apega e Nonéomesmo.

A Praza Roxa santiaguesa acollerá este sábado, día 26 de maio, unha nova edición do Mercado Compostela Eco&Art, que ofrecerá produtos ecolóxicos certificados e artesanía de autor durante toda a xornada. Actividades para a familia e música complementarán o programa desta cita, que contará con vinte postos de expositores de Santiago e comarca.

No Mercado Compostela ECO&ART participan produtores de alimentos ecolóxicos certificados e artesáns con propostas moi persoais. Organizada por Santiago Centro, a Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (APEGA) e a asociación Nonéomesmo, a cita recolle a experiencia de anos anteriores e conta co respaldo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), o Concello e Grupo Noya. Neste 2018 a actividade é quincenal, e celébrase os días 12 e 26 de maio; 9 e 23 de xuño; e 7 e 14 de xullo. Estará aberta de 11 a 19 horas.

Dentro da programación do Mercado, Nutrivida levará a cabo un obradoiro de cociña creativa e sinxela dirixida a público infantil entre os 7 e os 10 anos, baixo o título "Mamá, Papá, ¡Hoy cocino yo!". Terá lugar pola mañá, entre as 11 e as 14 horas, e busca concienciar aos máis novos da importancia dunha alimentación sa e de decantarse por produtos de calidade. O taller impartirao Liseth Medina Araújo, graduada en Nutrición e Dietética, é gratuíto e para participar non é necesaria a inscrición. O que si é preciso é levar mandil ou unha camiseta vella que se poida manchar.

Ás 13 horas será o momento da música. Actuará na Praza Roxa o grupo santiagués de blues Willie and Winnie. Ademais, instalarase un posto de polbo para composteláns e visitantes poidan gozar dunha xornada completa.

Comentarios
Lo más