En Marea esixe á Xunta que acabe de xeito inmediato coas graves deficiencias do CEIP A Ramallosa de Teo
"O resultado é claro, un colexio moi avellentado e con moitísimas deficiencias"
En Marea preguntou en comisión parlamentar polo vergoñento estado de conservación do CEIP A Ramallosa en Teo, un centro que como salientou a deputada Luca Chao acumula unha antigüidade de cincuenta anos como unha grande parte dos centros galegos, pero coa particularidade de que este centro de Teo non recibiu nin unha reforma relevante en 50 anos.
"O resultado é claro, un colexio moi avellentado e con moitísimas deficiencias.Tanto é así que os nenos e nenas de tres anos teñen que correr nas aulas para entrar en calor, pero non só isto senón que temos que falar tamén de cubertas con amianto pese aos riscos para a saúde deste material, ter unha caldeira por debaixo das aulas de infantil, equipamentos insuficiente, baños en mal estado, e humidades entre outras” denunciou Luca Chao durante a súa intervención.
Malia que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou un investimento para este centro durante unha visita que realizou apenas un días despois de que En Marea visitase e denunciase a situación do mesmo, o relevante é que este investimento non se vai realizar ata o vindeiro ano, ano electoral, ignorando así as necesidades urxentes e inmediatas do mesmo.
"O proxecto ignora ademais cuestións importantes como a dotación dun ascensor e escaleiras de emerxencia sobre as que o goberno galego na sesión desta mañá obviou dar explicacións sobre os motivos para non levar a cabo estas obra. Trátase de dúas obras importantes xa que estamos a falar de nenos e nenas moi pequenos que terían que ser desaloxados en caso de emerxencia por unha pequena escaleira interior e que se atopa en moi mal estado".
Desde En Marea anunciaron que continuarán a esixir ao Goberno galego que amplíen a partidas destinadas a melloras e conservación dos centros escolares para acabar coas vergoñenta situación na que se atopan despois do continuo maltrato sufrido durante estes anos de crise e cuxo impacto deixase sentir en aulas en mal estado e equipamento insuficiente por todo o país.