Un total de 58 colectivos do tecido social alíanse co concello para ofrecer un cento de eventos no xiño da cultura e as artes
A concelleira de Educación e Cultura, Herminia Pouso, foi a encargada de presentar este amplísimo calendario de eventos
Ribeira volverá a vivir o vindeiro mes 30 días de gran intensidade, nos que a música, o teatro, o audiovisual, a danza, a arte, a literatura, o folclore, o baile, a festa ou a exaltación das nosas raíces irán da man para que ninguén se quede sen o seu evento na sétima edición do Xuño da Cultura e as Artes.
A concelleira de Educación e Cultura, Herminia Pouso, foi a encargada de presentar este amplísimo calendario de eventos e agradeceu a implicación das distintas asociacións, clubs, centros educativos, entidades, organismos...que ocnforman o tecido social do municipio, ata alcanzar un total de 58 colectivos involucrados, máis ca en ningunha outra edición, ao que hai que engadir 17 servizos municipais.
Isto deu resultado un programa con moreas os actos ofertados, resultando unha media de case seis citas culturais diarias. Para a difusión de todo o programa editáronse 5.000 libriños de man organizados por días que serán distribuidos por centros educativos e servizos municipais para que todo o mundo poida ter un exemplar, ademais de 10 lonas de cada quincena que se colocarán polas rúas peonís e prazas e na páxina web municipal e redes sociais haberá un calendario onde premendo cada día se poden consultar os actos desa xornada e ao que tamén se poderá acceder a través dun código QR.