O alcalde reitera a aposta polo gasto social nos orzamentos municipais de 2018
Manuel Ruiz tamén os cualificou como "integradores e expansivos"
O alcalde Manuel Ruiz compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para presentar o orzamento municipal do Concello de Ribeira para o exercicio 2018: uns presupostos que o rexedor cualificou como "integradores, expansivos e eminentemente sociais", destacando o aumento que un ano máis se realiza no gasto social que neste exercicio sube o 11,29% sobre o anterior ata elevarse ao 44% de incremento dende o principio de lexislatura.
En canto aos grandes números, a cifra total do orzamento alcanza os 22.874.568 euros, un 6,43% máis que en 2016, ano ao que se remitiu o alcalde dado a comparación con 2017 estaría desvirtuada ao consignarse no pasado ano os 6,2 millóns de euros correspondentes ao programa Máis Riveira Atlántica pese a que ditos cartos se van a executar nesta e nas vindeiras anualidades. De feito, no caso de que se sumasen os investimentos que se van a realizar a maiores en 2018 como consecuencia da aplicación deste plan europeo a cifra real podería rondar os 30 millóns de euros.
O aforro bruto é de 5.185.000 euros e o aforro neto é de 3.517.000 euros. Ruiz Rivas tamén destacou que a débeda está en 49,66%, máis de oito puntos por debaixo da existe ao comezar a lexislatura (57,22%) e que vai seguir reducíndose, por exemplo, cando se poida destinar a redución de débeda máis de 700.000 euros que vén de incorporar ás súas arcas o Concello derivados do antigo Riveira Atlántica 2015.
Por outra parte, o alcalde salientou a sensibilidade do goberno co gasto social, dedicando 1.832.000 euros a este concepto: máis de medio millón de euros de aumento en relación ao 2015, apostando sobre todo polas áreas máis sensibles como é o caso da dependencia.