CIG-Ensino: "Os datos constatan a nosa denuncia previa"
"Unha vez coñecida a lista provisoria de persoas admitidas, os datos constatan a nosa denuncia previa, xa que só no caso de que todas as persoas matriculadas se presentasen e aprobasen, habería 197 prazas menos"
"2.050 prazas. Esa foi a cifra que ocupou os titulares de prensa e a sección de propaganda da web da Consellaría nos días posteriores á negociación na Mesa Sectorial da oferta para acceder aos diferentes corpos docentes en Galiza, sempre con carácter laudatorio e como unha especie de novo fito nas prazas ofertadas", afirman desde CIG-Ensino.
A CIG-Ensino presentou un estudo no que desmontaba esas cifras, alertando de que o número de prazas para o acceso desde o grupo A2 (corpos de mestres e de profesorado técnico de FP) ao corpo de PES estaba totalmente descompensada ao respecto da evolución da demanda destes últimos anos. Para o sindicato, esa decisión de inflar de xeito desproporcionado estas prazas só podía corresponder a unha estratexia da Consellaría para vender unha oferta de prazas maior da realizada.
"Na CIG-Ensino apostamos desde sempre pola promoción interna, un dos escasos mecanismos de promoción ao longo da vida profesional do persoal docente, mais estamos absolutamente en contra de que se xogue con esta vía para beneficio propagandístico da Consellaría e dos aliados habituais", afirman.
"Unha vez coñecida a lista provisoria de persoas admitidas, os datos constatan a nosa denuncia previa, xa que só no caso de que todas as persoas matriculadas se presentasen e aprobasen, habería 197 prazas menos na oferta de emprego. Por tanto, o número máximo de prazas a día de hoxe redúcese de 2.050 a 1.853".