Luís Villares: “¿É tan grave o que ten que agochar sobre súa actuación na fusión das caixas que ten que agochar a documentación aínda que sexa ilegal?”
O voceiro de En Marea esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que cumpra a lei e entregue no Parlamento a carta de encargo a auditora e os informes dos técnicos de facenda que supostamente avalaban a operación
O voceiro de En Marea, Luís Villares, esixíu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que entregue no Parlamento de Galicia a carta de encargo á auditora que supostamente avalaba a decisión de fusionar as caixas galegas así como os informes dos técnicos de facenda, dous documentos que o Goberno galego agocha desde hai anos pese a estar obrigado por lei a entregar dita documentación na Cámara galega. “É tan grave o que ten que esconder vostede respecto a súa actuación nas caixas galegas que non lle importa estar a actuar de xeito ilegal?” preguntou Villares ao presidente da Xunta.
Na súa intervención o voceiro de En Marea reclamou á Núñez Feijóo que aclare cando minte, "xa que no momento da fusión aseguraba que se encargara esta auditoría que avalaba a decisión, hai unha semana tivo que recoñecer que non había tal auditoría e en pleno volveu a dicir que si que o era, polo tanto nalgún momento está a mentir".
O artigo 30 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece a competencia exclusiva en materia de caixas de aforro á Xunta polo que o Goberno galego era o responsable e o competente para decidir o futuro das mesmas e fronte a iso o que fixo foi “exercer a súa incompetencia” baseando a decisión de fusionar nunha mentira e “desfacendo completamente o músculo financeiro galego”. “Di que foi a mellor decisión. ¿Acabar con milleiros de postos de emprego en Galicia, provocar a exclusión territorial, fomentar o oligopolio financeiro e acabar coa competencia efectiva é para vostede a mellor decisión para o noso país?” cuestionou Villares.
Para coñecer o que realmente sucedeu, resulta imprescindible saber que é o que se encargou a auditora polo que o voceiro de En Marea volveu a insistir na obriga do Goberno galego de entregar a documentación solicitada en diversas ocasións polo grupo parlamentario. “No caso de que non se encargara dita información terían caído en dúas ilegalidades xa que estaban obrigado por lei, e se si o encargaron pero están agochando esta documentación están igualmente a actuar ilegalmente” salientou.
Na quenda de réplica, despois de que o presidente da Xunta de Galicia obviase contestar á pregunta concreta de En Marea sobre estes dous documentos, o voceiro de En Marea lamentou unha vez máis a actitude do presidente que “continúan a agochar as súas mentiras”. “As mentiras supoñen o solpor dos gobernantes, temos exemplos con Zaplana, Cifuentes ou Conde Roa todos empezaron con mentiras e acabaron fora da política por mentir. Detrás dunha mentira sempre hai algo que agochar, algo que normalmente é ilícito. Son cadeas difíciles de arrastrar que as veces arrastran á cadea” concluíu Luís Villares.