O rexeitamento ás reválidas aumenta por cuarto ano consecutivo e o boicot supera o 80% nos centros do país
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público de Galiza (PGDEP) parabeniza as familias que fixeron un esforzo de conciliación e non enviaron masivamente hoxe ao alumnado a estas probas
Por cuarto ano consecutivo o rexeitamento á LOMCE e en concreto ás reválidas incluídas nesta lei foi practicamente unánime, aumentando o boicot a cifras superiores ao 80% de absentismo nestas probas que se iniciaban onte en todos os centros de Galiza para o alumnado de 3º de Primaria. Galiza segue sendo, polo tanto, o territorio do Estado máis combativo con esta norma por parte da comunidade educativa.
Coincidindo co inicio destas probas “avaliadoras”, membros da PGDEP, concentráronse diante do Parlamento galego para esixir a derrogación definitiva da LOMCE e a creación dunha Lei Galega de Educación. Durante a mesma, o vicepresidente de ANPAS galegas, a maioritaria na comunidade, destacou o enorme esforzo feito hoxe polas familias “que tiveron que organizarse para poder conciliar e non enviar os seus fillos e fillas aos centros”. Fernando Lacaci explicou que este rexeitamento “cara unhas probas, que o único que introducen é un nivel de estrés entre o alumnado, é totalmente maioritario entre as familias que presionaron para que non teñan ningún valor académico como se pretendía nun primeiro momento desde o Ministerio”.
Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, parabenizou especialmente o profesorado polo seu papel fronte á campaña de desinformación da Consellaría de Educación “que pasou neste último ano de pretender amedrentar as familias que boicoteaban as reválidas a restarlle importancia ás probas”. “O certo é que o mantemento das reválidas por parte da Xunta de Galiza supón un gasto económico absolutamente innecesario que só beneficia a algunha empresa privada e para nada redunda nun beneficio para o sistema educativo galego”, apuntou.
Con estas probas, o que se demostra –en palabras de Suso Bermello- é que “a Consellaría de Educación despreza absolutamente o traballo do profesorado e o valor que ten a avaliación continua no seu traballo diario co alumnado”. “Esta é unha mostra máis da desvalorización que fai a administración do noso traballo e da nosa capacidade avaliadora, que se une a outras actitudes como o mantemento dos recortes orzamentarios e de persoal nos centros, especialmente dos profesionais destinados á atención á diversidade”, sentenciou
A Plataforma agarda que tanto mañá, que será o segundo día de reválidas, como a vindeira semana se manteña o éxito deste boicot. No caso das avaliacións finais de Primaria e da ESO, programadas para os días 29 e 30 de maio, xa non serán de carácter universal senón que se cinguirán a un número concreto de centros escollidos pola Consellaría de Educación. Na liña do escurantismo co que actúa o goberno galego neste asunto, neste momento aínda se descoñece o número exacto de colexios e institutos seleccionados e os criterios empregados para a súa elección.