Aberta a inscrición para o IV Campus ETC con adestramento específico de porteiros e Clínic do Celta de Vigo
Celebrarase do 25 ao 29 de xuño en Villestro para nenos e nenas de 4 a 14 anos. Contará con formación específica para porteiros, un Clinic do RC Celta de Vigo e rematará co III Torneo Memorial Antonio Bermúdez o día 30
A Escola Deportiva Santiago organiza do 25 ao 29 de xuño o IV Campus ETC (Ensino Técnico Competicional) no campo de fútbol de A Barrosa (Villestro) e o pavillón de Roxos-Villestro, coa colaboración da Deputación de A Coruña, o Concello de Santiago, a Fundación Celta e Gadis.
Este campus diríxese a nenos e nenas de entre os 4 e os 14 anos que vivirán durante cinco días, de 10:00 a 14:00 horas, unha experiencia diferente arredor do fútbol. Trátase dunha forma dinámica, divertida e pouco habitual de ensinarlle aos máis pequenos conceptos do fútbol.
Como actividades complementarias, o Campus inclúe adestramento específico para porteiros e un Clinic impartido pola Fundación Celta, do RC Celta de Vigo.
Para rematar, o sábado 30 de xuño celebrarase o III Torneo Memorial Antonio Bermúdez, co que se homenaxea ao xornalista deportivo compostelán falecido en 2016.
Todos os nenos e nenas que participen no Campus terán un seguro de accidentes deportivos e recibirán merendas e unha equipación de agasallo. Pódense inscribir de xeito individual ou por equipos. Estes son os prezos:
Prezo por inscrición individual: 90 €
Prezo por neno/a para equipo de 3 xogadores/as: 80 €
Prezo por neno/a para equipo de 5 xogadores/as: 70 €
Prezo para dous irmáns (cada irmán): 75 €
Prezo para familias numerosas (cada irmán): 75 €
Os interesados en apuntarse poden facelo cubrindo o formulario online que atoparán na páxina web escoladeportivasantiago.org. Para calquera dúbida, poden dirixirse ao teléfono 697 408 573 ou escribir a escolasantiagocf@gmail.com