A CIG satisfeita coa decisión do Concello de Santiago respecto ao conflito da EMM
O sindicato galeguista amosa a súa satisfación e anima ao Concello a municipalización do servizo
A Confederación Intersindical Galega amosa a súa satisfación polo éxito acadado logo das semanas de mobilizacións, incluída a convocatoria de folga, do persoal da Escola Municipal de Música de Santiago. O Concello decidiu desbotar a proposta educativa e económica da única empresa presentada a concurso e asinou outra prórroga coa acutal firma adxudicataria o que, de facto, leva aparellada a continuidade dos postos de traballo a partir do 30 de xuño.
En palabras do secretario comarcal da CIG-ENSIMO, Rubén F. Monteagudo "foi a loita firma, a determinación e a unidade dos traballadores e traballadoras, e o grande apoio de toda a comunidade educativa da EMM, o que conseguiu que o alcalde tomara a responsabilidade no asunto e que se acabaran tomando estas decisións após de só un día de folga".
Para Rubén "esta solución, a pesar de que era a única posible neste momento, é un parche, xa que só se garante a continuidade do personal durante uns meses" polo que chama o Concello a "sentarse xa, e a elaborar de xeito dialogado, e en común coa comunidade educativa, uns novos pregos de adxudicación de servizo, para que non volva acontecer o que pasou meses atrás, un proceso cargado de despropósitos que tivo como máximo responsable ao concelleiro de Educación, Manolo Dios".
O sindicato anima o Concello de Santiago de Compostela a que comece a estudar a posibilidade de elaborar un plan, cando menos a medio prazo, de remunicipalización do servizo, cuestión que desde o sindicato consideran "moi positivo para a estabilidade e para as condicións dos traballadores alén de supor unha mellora do servizo".