A Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca recolle 1.500 sinaturas
Nun tempo récord de 10 días, logrou o apoio de cantidade de veciños e veciñas, mentres continúa a incertidume sobre se o Consello da Xunta aprobará en datas próximas ou non a declaración de especial interese dos parques eólicos de Monte Inxerio (que afectaría ao concello de Ordes e Cerceda) e Gasalla (que afectaría aos concellos de Mesía e Frades)
1.500 sinaturas de persoas leva recollidas a Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes, desde que comezou a súa campaña o pasado 14 de maio. Nun tempo récord de 10 días, logrou o apoio de cantidade de veciños e veciñas, mentres continúa a incertidume sobre se o Consello da Xunta aprobará en datas próximas ou non a declaración de especial interese dos parques eólicos de Monte Inxerio (que afectaría ao concello de Ordes e Cerceda) e Gasalla (que afectaría aos concellos de Mesía e Frades).
Referido a este último aspecto, e só desde o pasado venres, máis dunha docena de asociacións veciñais e colectivos sociais e culturais e deportivos da comarca remitíronlle ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, escritos reclamándolle que non leven adiante a tramitación destes proxectos por ser contrarios ao interese xeral. A maiores, tamén deixaron os seus escritos no rexistro da Xunta a Asociación de Comerciantes de Ordes, e responsables de destacados proxectos empresariais na comarca como é a granxa de Casa Grande de Xanceda ou Finca Arosa, entre outros. O párroco de Mesía, Visantoña e Filgueira tamén foi outra das persoas que secundaron a iniciativa, ao igual que as asociacións ecoloxistas Verdegaia, Adega, o Sindicato Labrego Galego, os deputados no Parlamento Galego Antón Sánchez (En Marea) e Xosé Luis Rivas Cruz (BNG) e a eurodeputada Lídia Senra (GUE/NGL).
A Coordinadora contra a implantación de parques eólicos na comarca de Ordes agarda que por parte da Xunta repensen a situación e eliminen do Plan Sectorial de Galicia esta zona. "Agardamos que tomen nota dos escritos recibidos e do malestar social, así como da declaración institucional na que os propios alcaldes de Ordes (PP), Mesía (PsdeG), Frades (PP) e Oroso (PSOE) se manifestan en contra da instalación de muíños de vento nos seus territorios", apuntan.
Desde a plataforma veciñal "faise un chamamento a toda a comarca a continuar recollendo sinaturas para seguir amosando o rexeitamento a uns proxectos que afectarían a unha comarca declarada de especial interese agrario pola Xunta no 2007, que faría perigar 1.000 empregos directos e indirectos e 500 explotacións agropecuarias, que ameazaría o Camiño de Santiago, así como zonas de gran valor patrimonial. A aldea centenaria de Gasalla, por exemplo, quedaría rodeada por 7 xigantes eólicos. En Buscás pretendían poñer eólicos a menos de 100 metros das vivendas. E son só algúns exemplos dos moitos motivos polos que dicir que a comarca de Ordes, polas súas características socio-económicas, e que ademais xa produce moita máis enerxía eléctrica da que consume, non é un lugar axeitado para instalar parques eólicos nin novas liñas de evacuación", engaden.
As 1.500 primeiras firmas que xa están reunidas irán acompañando ás alegacións que a Coordinadora preparou contra o parque eólico da Pobra, cuxo prazo para presentar remata este xoves, a pesar de que hai unhas semanas a empresa Green Capital Power anunciou que renunciaba a ese proxecto que se tramita no Ministerio.