Os socialistas reivindican máis frecuencias e abaratamento de tarifas na liña ferroviaria entre Vigo e A Coruña
Julio Torrado acusa ao PP de "utilizar argumentos-trampa" para "escabullirse" e rexeitar o tratamento desta liña como tren de Cercanías
O parlamentario socialista Julio Torrado presentou no Pleno do Parlamento celebrado hoxe unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que medie diante do Ministerio de Fomento e lle conceda á liña ferroviaria entre Vigo e A Coruña o tratamento de Cercanías. O responsable socialistas criticou que o PP anunciara o seu rexeitamento a esta proposta con "argumentos trampa".
Torrado lembrou que Galicia carece a día de hoxe deste tipo de conexión ferroviaria, que suporía un aumento considerable das frecuencias e a redución das tarifas. Ademais, sinalou que se trata dunha liña na que “a oferta supera con creces á demanda”, como demostran os trens que viaxan completos tódalas semanas, e explicou que “con máis oferta existiría moita máis demanda, e permitiría fomentar as viaxes en tren”.
Acusou ao PP de “escabullirse” alegando que se trata dunha competencia de Fomento e non da Xunta ou agochando que os tempos destas conexións son equiparables a outras liñas do Estado con catro e ata cinco veces máis frecuencias e os prezos están en Galicia ao dobre ou tripla. Reclamou “equiparar as oportunidades dos galegos e galegas co resto do Estado sen grandes investimentos”.
Comparou así a liña entre Santiago e Pontevedra -17 frecuencias e 7,35 euros- con Valencia – Sagunto -42 frecuencias e 3,7 euros-, Xixón – Oviedo – 41 frecuencias e 3,6 euros-, ou Málaga – Benalmádena -52 frecuencias e 3,6 euros-. Tamén comparou a liña A Coruña – Vigo -16 frecuencias e 18,1 euros- con Alcalá e Aravaca -32 frecuencias e 3,4 euros, ou Vallecas – Galapagar -23 frecuencias e 3,4 euros-.
O parlamentario socialista reclamou tamén que o goberno tome a iniciativa para defender “o gran Metro galego”, como bautizou a esta liña que interconecta á metade da poboación galega, os principais polos económicos, os 3 aeroportos da Comunidade Autónoma e 4 campus universitarios.