miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Este xoves celebrarase a II Xornada de Loita Estatal contra as Listas de Espera

Este xoves celebrarase a II Xornada de Loita Estatal contra as Listas de Espera
Este xoves celebrarase a II Xornada de Loita Estatal contra as Listas de Espera

En Santiago, a mobilización terá lugar no Hospital Clínico Universitario

"Máis de 600.000 persoas esperan unha intervención cirúrxica en todo o estado (unha de cada cinco, máis de seis meses), mentres que en 2008 eran 364.000 persoas, o que indica que nestes anos de recortes o número case se duplicou. Respecto da lista de espera diagnóstica, case 2 millóns de persoas están á espera da primeira consulta co especialista, cun tempo medio de espera de case 60 días". 

Baixo o lema "as listas de espera matan" levarase a cabo este xoves a II Xornada de Loita Estatal contra as Listas de Espera organizada pola Confederación Nacional do Traballo. En Santiago, a mobilización terá lugar no Hospital Clínico Universitario a partires das 11.30 horas da mañá.

"Nestes últimos anos o colo de botella pasou do quirófano ao diagnóstico (primeira cita co especialista), atrasándose aínda máis a atención dos enfermos, ocorrendo que haxa persoas que falecen antes de ser diagnosticadas ou recibir tratamento. Estas vergoñentas cifras, con todo, non son reais. O sistema utiliza diferentes estrataxemas para falsear os datos, xa sexa atrasando a inclusión na lista, bloqueando as axendas, expulsando aos que non aceptan ser intervidos en centros privados, presionando aos profesionais, etc", apuntan desde CNT Compostela.

"A situación empurrou a sectores de poboación, que aínda dispoñen de certa capacidade económica, cara aos seguros privados. Así, a pesar da “crise económica”, pasouse de 5,3 millóns de persoas en 2006, a 7,5 millóns en 2017 cun seguro sanitario privado, é dicir, de 2,2 millóns de persoas máis (un incremento do 41,5% de incremento)", engaden dende a Confederación.


Con todo, dende CNT afirman que é posible enfrontar o problema das listas de espera e reducilas, en gran parte, mesmo reducindo o gasto sanitario. "Pero iso esixe tomar unha serie de medidas de sentido común, ,utilizando ao 100% os recursos existentes no Sistema Nacional de Saúde (quirófanos, tecnoloxía, etc.), o que chocará con intereses particulares que están instaurados con moita forza dentro da Administración Sanitaria". 

Así, e para poñer freo a esta situación, dende a Confederación Nacional do Traballo propoñen:

-Creación dunha quenda de tarde nos hospitais, nas especialidades médicas que sexan necesarias, para manter funcionando a pleno rendemento todos os recursos ata as 21 horas. Isto permitiría contratar aos profesionais que actualmente obrigamos a emigrar (cando a súa formación nos custa ata 300.000 €), e tamén suprimir as horas extras realizadas polas tardes.

-Prohibición dos concertos con centros privados, innecesarios ao poñer a funcionar os centros públicos ao 100%, co consecuente aforro.

-Incompatibilidade absoluta para que o persoal do sector público traballe na privada. Ningunha empresa privada permite aos seus profesionais traballar na competencia.

-Establecemento de prazos para a atención similares en todo o estado, independentemente do lugar de residencia, para acabar coas vergoñentas diferenzas que se instauraron nestes trinta anos. Financiamento sanitario finalista, para acabar coas enormes diferenzas no gasto sanitario per cápita (1).

-Entrada en lista de espera automática tras a decisión clínica de derivación ao especialista, petición de proba diagnóstica ou intervención mediante a asignación e entrega dun código ao paciente que garanta o seguimento e control da cita.

-Democratización do sistema. Transparencia absoluta e acceso sinxelo a todos os datos de actividade, calidade, gasto e adxudicacións do SNS.

Así mesmo, dende o sindicato sinalan que "a nivel estatal, só existe unha norma (2) que garante un tempo máximo de acceso para cinco tipos de cirurxías: 180 días para cardíaca valvular, cardíaca coronaria, cataratas, próteses de cadeira e prótese de xeonllo. Tras máis de 30 anos de Lei Xeral de Sanidade, os políticos non tiveron tempo para garantir por Lei prazos para o resto de intervencións cirúrxicas, consultas externas ou probas diagnósticas. Cada Comunidade Autónoma lexislou, ou non, normas para os seus territorios, o que deu como resultado enormes diferenzas nas teóricas garantías de acceso á asistencia sanitaria. Mesmo naquelas autonomías que dispoñen de mellores garantías, hai unha trampa moi habitual que é dar as primeiras citas bastante rápido pero daquela as consultas sucesivas ou as probas diagnósticas atrásanse moitos meses como no resto do estado".

Así, e "contra as vergoñentas diferenzas existentes en función do lugar de residencia", a CNT propón a extensión a todo o estado das garantías existentes nos territorios con normativa máis avanzada (3):

-Consultas preferentes garantidas nun prazo máximo de 10 días.

-Resto de consultas de atención especializada, prazo máximo de 30 días.

-Probas diagnósticas relacionadas con procesos de oncoloxía e cardioloxía, 30 días.

-Outras probas diagnósticas programadas non urxentes, 45 días.

-Cirurxía oncolóxica prazo máximo de 30 días.

-Cirurxía cardíaca prazo máximo de 60 días.

-Resto de cirurxías 120 días.  

Comentarios
Lo más