Lucas Díaz. "Estamos convencidísimos de que podemos voltar de Barcelona sendo doutra categoría"
O porteiro do Compostela foi o segundo xogador do plantel en comparecer nesta semana de alta tensión. O 1 da esedé xa conta as horas que restan para a batalla definitiva
No vestiario da esedé xa lle deron a volta ao reloxo de area. A espera farase longa, pero aínda hai traballo por diante. A primeira batalla, o primeiro combate, foi nulo. O do vindeiro domingo será outra historia.
Un dos factores diferenciais da SD Compostela nesta segunda volta foi a seguridade na portería. Durante toda a segunda volta, o equipo so encaixou tres goles en San Lázaro (dous deles na última xornada) e na ida da eliminatoria de campións volveuse mostrar esa solidez defensiva. Nesta estrutura, unha das pezas máis utilizadas foi Lucas Díaz, porteiro titular durante boa parte do curso.
O meta foi o segundo futbolista da formación compostelanista en comparecer na sala de prensa de San Lázaro nesta semana de alta tensión. O encargado de protexer o arco do Compos, visto o partido do domingo, confía no seu equipo, malia que deixa claro que saben que se enfrontan ao rival máis complicado que lle puido tocar. “O domingo está esquecido, temos que pensar xa en Barcelona e ir sen terlle medo ningún, menos despois do partido vivido en San Lázaro”, explicou.
Conscientes de que será unha final, o feito de ser campións permítelles afrontar o partido sen unha ansiedade extrema, pero si que teñen claro cal é a meta. “Hai que ir alá e tentar lograr o obxectivo, que non é outro que ascender”, sentenciou o porteiro.
Saben que non será un tarefa sinxela, xa que “no seu campo contarán co apoio da súa afección”, pero teñen confianza porque conseguiron manter a portería a cero en casa. “Válenos un empate a goles e estamos convencidísimos de que podemos volver sendo doutra categoría”, asegurou.
Por outra banda, se ben considera que o feito de ser un dos mellores visitantes da categoría é un plus para afrontar o duelo, Lucas ten claro que é o enfrontamento máis complicado que lles puido tocar. “Sigo pensando que é o peor rival para xogar contra el, porque é un filial, con xogadores que para o ano estarán no primeiro plantel e que ganou a liga catalana con moitas xornadas por diante”, analizou.
Con todo, tendo claro que son un equipazo, “se ben antes pensábamos que non era imposible, agora máis aínda, xa que levamos un gran resultado, malia que podía ser mellor”.
Lucas non ten unha vara máxica para saber que vai a suceder o domingo ao mediodía na Cidade Deportiva Dani Jarque, pero confórmase con calquera resultado con tal de ascender. “Non sabemos que vai a pasar, pero eles tampouco poderán saír como tolos xa que, se lle marcamos un gol, metémolos nun problema”, engadiu.
Porén, si que cre que intentarán crear, incluso máis que aquí, pero con precaucións, polo que agarda que a labor defensiva do equipo sexa “incrible”, como o outro día.
Por último, o gardameta quixo facer unha mención especial a como respondeu a xente o domingo en San Lázaro e desexou que “ogallá poida viaxar o máximo de xente posible, porque nos vai axudar un montón”. Tamén se acordou do club, ao que lle agradeceu a opción de poder viaxar en avión.