miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A CIG empraza aos máximos responsábeis das organizacións políticas a apoiar razóns da folga xeral do 19 de xuño

A CIG empraza aos máximos responsábeis das organizacións políticas a apoiar razóns da folga xeral do 19 de xuño
A CIG empraza aos máximos responsábeis das organizacións políticas a apoiar razóns da folga xeral do 19 de xuño

Apela á conciencia na necesidade de dar un salto adiante na defensa dos dereitos e dun futuro digno 

A CIG vén de dirixirse ás organizacións políticas, Agora Galiza, Anova, BNG, Causa Galiza, Cerna, Compromiso por Galiza, En Marea, Esquerda Unida (Galiza e Estado), PCPG, Podemos (Galiza e Estado), PSOE (Galiza e Estado) ante a convocatoria de Folga Xeral para o próximo 19 de Xuño, convocada baixo o lema “Sumando Loitas. Sobran razóns. Pola Recuperación dos nosos Direitos. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”. A central sindical fai un chamamento a estas forzas políticas “en apoio a esta Folga Xeral e ás propostas reivindicativas, conscientes da coincidencia con nós na necesidade de dar este salto adiante na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno”.

A CIG lembra que as decisións políticas adoptadas desde o inicio da crise económica “téñense demonstrado un auténtico roubo e saqueo á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego” e que a recuperación económica da que se fai propaganda a diario non existe. “É só para as persoas ricas, que aumentan a súa riqueza, a conta dun emprobrecemento xeral”.

Neste sentido subliña que “medra o paro e baixa a poboación activa” e que a taxa de paro é do 15,08%, “maior que no ano 2009”. Denuncia ademais que hoxe, “ter un traballo non permite vivir en condicións dignas”, que as pensións “non garanten poder adquisitivo” e atribúe esta situación as reformas do sistema público de pensións, do 2011 e 2013, que fan que na Galiza teñamos as pensións máis baixas do Estado español e á reforma laboral, que “impón pobreza laboral, non hai creación de emprego, hai precariedade, contratos de traballo en condicións escravizantes, a tempo parcial e salarios miserentos que tan siquera chegan ao salario mínimo interprofisional”.

Salienta ademais que cada día son máis as persoas no desemprego que non perciben ningún tipo de ingresos; que non para a emigración de xente nova, deixando sen futuro á sociedade galega e que medran os sectores sociais abandonados polas Administracións ante os recortes sociais e privatizacións dos servizos públicos, do ensino, sanidade, servizos socias, etc…

Denuncia que “criminalizan, reprimen, encadean a quen se mobiliza, quen exerce a liberdade de expresión, quen defende os dereitos da clase traballadora e quen loita polos dereitos das nacións que integramos o Estado español”.

Denuncia, sobre todo, que o Goberno de Feixó non toma iniciativas ante esta grave situación, “sométese a estas políticas decididas en Madrid e Bruxelas, actuando só en favor dos Fondos de Inversión, que acumulan máis riqueza en menos mans, lonxe de Galiza” e que o Goberno español do PP, en minoría parlamentar, está “cheo de corrupción” e “con total impunidade, reforza os recortes nos Orzamentos do Estado, sen unha oposición capaz de poñerse de acordo para botalos das institucións, e acabar con todas estas reformas laborais e sociais que tanto dano fan”.

Por iso considera que “non se pode agardar máis. Está en xogo evitar que as novas xeracións vivan en peores condicións que as anteriores” e entende que a folga xeral “é a resposta necesaria da clase traballadora para demostrarlle ao poder económico e político a nosa disposición de loitar pola recuperación dos nosos dereitos e por un futuro digno”.

Comentarios
Lo más