Unha charla sobre os novos hábitos dos consumidores abre o ciclo de conferencias "O comercio que vén"
Santiago Centro organiza dous faladoiros para alertar dos cambios que está sufrindo o sector e buscar oportunidades de cara ao futuro. O profesor e conferenciante José Manuel Castro é o relator do acto de mañá, e o día 12 de xuño haberá outro a cargo de Rubén Bastón
Unha conferencia sobre os novos hábitos dos clientes abrirá mañá martes, 22 de maio, o ciclo "O comercio que vén", co que Santiago Centro, Área Comercial, pretende formar e concienciar aos comerciantes da cidade das dificultades e as oportunidades que o sector afronta. A dixitalización e os cambios de costumes nos consumidores serán os temas principais de dúas charlas a cargo de José Manuel Castro (mañá martes 22) e Rubén Bastón (o día 12 de xuño). O acto levarase a cabo ás 20.30 horas no Centro Sociocultural do Ensanche.
A conferencia inaugural do ciclo titúlase Novos hábitos, novos consumidores: un desafío para os minoristas. O encargado de impartila é José Manuel Castro Pérez, profesor, escritor e conferenciante, analista de tendencias e de oportunidades e autor do libro La innovación comienza aquí. Partirá da enquisa Global Shopping Consumer Insights 2018, que mostra unha imaxe complexa dos consumidores: conflitivos, segmentados e propensos ao cambio, aínda que non necesariamente do xeito que os minoristas esperan. Con este retrato robot, a charla tentará identificar que oportunidades novas se presentan para o sector e, ao tempo, coñecer as inquedanzas dos comerciantes ao respecto.
Neste segundo ano, o ciclo O comercio que vén quere pór o acento nos profundos cambios que está experimentando o pequeno comercio, e que son tanto unha grave ameaza para a súa continuidade como unha oportunidade para a renovación do sector. A xeneralización das compras por Internet será un dos temas tratados, e neste sentido programouse para o día 12 de xuño a conferencia Cómo aproveitar as oportunidades de Internet para vender máis, con Rubén Bastón. O director da revista online Marketing4eCommerce, profesor e consultor de grandes contas da axencia Elogia falará de como aproveitar as oportunidades da rede no canto de limitarse a recibir o seu impacto.