La consellería de cultura apoia o circuíto organizado pola Federación de Teatro Afeccionado
A través dun convenio de colaboración, o departamento dirixido por Román Rodríguez achegará 30.000 euros a esta iniciativa
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), Mª Consuelo Pampillón Alonso, veñen de asinar un convenio de colaboración a través do que o departamento de Cultura da Xunta de Galicia apoiará un circuíto teatral a nivel autonómico organizado pola devandita entidade, cunha achega de 30.000 euros.
Deste xeito a Consellería favorece a existencia dunha ampla oferta cultural descentralizada, á par que se facilita a difusión do teatro amador ao longo e ancho do territorio galego. Cómpre sinalar, ademais, que FEGATEA tamén está a promocionar o teatro amador galego no resto do Estado e mesmo en Portugal a través da Plataforma PLATTA, da que é promotora.
O circuíto teatral consiste na programación de catro funcións teatrais por sede, cun total de 60 representación, das que FEGATEA achegará 12 funcións de teatro. Ademais, desenvolveranse outras 6 funcións entre o Salón Teatro e o Teatro Principal de Santiago, que achegarán á capital galega as últimas propostas escénicas de grupos federados das catro provincias.
Desta forma o circuíto promove a mobilidade xeográfica dos grupos de teatro, o que redunda nun importante movemento económico, tanto no relativo ao desprazamento, como no que atinxe ás actividades vencelladas: vestiarios, iluminación, sons..
FEGATEA está composta na actualidade por 53 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas, o que constitúe a maior estrutura teatral organizada que existe neste momento en Galicia. Compre salientar, ademais, que os grupos federados contribúen a desenvolver o movemento cultural e social das súas respectivas localidades.