Presentados no rexistro xeral da Xunta escritos contra a implantación de parques eólicos na Comarca de Ordes
A Coordinadora pon ademais a disposición os documentos base e anima a todos aqueles colectivos e persoas sensabilizadas con esta causa a asinalos e presentalos no rexistro da Xunta durante os próximos días
Os e as integrantes da Plataforma contra a implantación de parques eólicos na Comarca de Ordes presentaron este venres os primeiros escritos diante do Conselleiro de Economía de Emprego e Industria e diante do Presidente da Xunta relativos á inminente declaración de interese especial por parte do Consello da Xunta dos parques eólicos “Gasalla” e “Monte Inxerio”, onde lle manifestan que dito acordo sería contrario ao interese xeral e posiblemente nulo de pleno dereito.
A empresa promotora deses dous parques e dos denominados “Ardemil “ e “A Pobra”, GREEN CAPITAL POWER, S.L. "está a fragmentar de forma fraudulenta para á sua tramitación un único parque que iría da parroquia de Lesta, en Ordes, até Vilasantar, en varios máis pequenos co fin de evitar trabas na súa tramitación administrativa e medioambiental".
Co fin de facilitar a participación de cantos veciños e veciñas, empresas, asociacións, etc. se sintan afectados coa implantación dos parques, a Coordinadora pon ademais a disposición os documentos base e anima a todos aqueles colectivos e persoas sensabilizadas con esta causa a asinalos e presentalos no rexistro da Xunta durante os próximos días.