Teresa Villaverde: “en Lousame imos centrarnos nos núcleos para que non haxa plantacións cerca das casas”
O grupo de Goberno rexeitou a moción do PSOE sobre a Lei de Montes porque “asustar é facilísimo”
A aplicación da Lei 3/2017 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (modificada pola Lei 7/2012 de Montes de Galicia) centrou o debate da sesión plenaria ordinaria de maio en Lousame, a raíz dunha moción presentada polo grupo municipal socialista. Previamente, o Pleno deu o visto bo a dous trámites para a realización de dúas importantes obras para a veciñanza: o aglomerado da estrada entre a planta de compostaxe e a localidade de Servia e o saneamento na Filgueira e Seixido.
Así o Pleno aprobou, cos 6 votos a favor do PP e as 3 abstencións do PSOE, unha modificación orzamentaria de 165.051,9 euros para o arranxo con aglomerado do camiño dende o cruce da planta de compostaxe da Mancomunidade ata Servia, incluído no Plan de Aforro e Investimentos (PAI 2017). Unha pista que se atopa moi deteriorada e que foi un compromiso da alcaldesa, quen asegurou “non podo entender a abstención do PSOE á realización desta obra”. O concelleiro do Partido da Terra, Xosé Tubío Rodríguez, estivo toda a sesión incorporándose e retirándose do debate, polo que só votou en dous dos puntos.
O Pleno tamén aprobou, cos 6 votos a favor do PP e as 43 abstencións do PSOE e do Partido da Terra, renunciar ao procedemento de expropiación forzosa e volver á tramitación ordinaria no proxecto de “Saneamento en Filgueira, Seixido e Servia”. Teresa Villaverde explicou que “fomos ao proceso expropiatorio porque ao propietario do terreo lle faltaba certa documentación que finalmente conseguiu, polo que se volvemos ao procedemento ordinario poderemos axilizar as obras, que xa están adxudicadas, en máis de 6 meses”.
Este proxecto é frotio dun convenio de colaboración asinado por Augas de Galicia e o Concello de Lousame por un importe de 200.000 euros, que serán financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. O proxecto atrasouse porque Augas de Galicia non considerou idóneas as parcelas propostas para a instalación da depuradora, polo que houbo que adquirir novos terreos.
Na quenda de mocións, o PSOE presentou unha na que pedía que “se aposte polo rural buscando a súa revalorización, que as propias administracións cumpran coa normativa, posto que xa se falou de facer talas preventivas que non se levaron a cabo, que se amplíe o prazo para poder cumprilo e que se eliminen as sancións”, explicou Julio Paradela. O voceiro do grupo socialista considerou que “esta lei, que vén do ano 2012, tivo tempo suficiente para ser aplicada e nos parece un despropósito que en tan pouco prazo e por vía executiva se obrigue a unhas cortas que van en prexuízo dos veciños”. Neste sentido, insistiu en que a saca da madeira incidirá nunha baixada do seu prezo, que non hai na bisbarra suficientes empresas de roza e que a maioría dos propietarios son de idade avanzada.
Teresa Villaverde recordoulle ao concelleiro socialista que “a lei é de 2007, dato que interesadamente omite nesta moción, e daquela a franxa que se establecía era de 100 metros, non 50 como agora”. A alcaldesa lembrou toda a actuación realizada dende o Concello nesta cuestión, onde a oficina de Urbanismo está asesorando a toda a veciñanza do municipio sobre as obrigas de roza e corta de acordo ao establecido na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os lumes forestais de Galicia.
Villaverde insistiu no que leva dicindo nas distintas reunións celebradas coa veciñanza: “o que hai que centrarse é arredor das casas. Imos centrarnos nos núcleos e que non haxa casas nas que lles entre o monte. As notificacións ten que facelas o Concello e só as fará aos grupos de risco”. Unha afirmación ante a que o voceiro socialista incidiu en que “se tes monte e non o tes limpo, vanche coller e vanche ir enriba túa. A culpa é dos propietarios por non limpar. É unha tala indiscriminada de madeira que prexudica aos propietarios”.
Unha afirmación ante á que a alcaldesa de Lousame pediulle ao voceiro socialista “que non falte á verdade porque asustar é facilísimo. Lembre que as sancións xa estaban recollidas tanto na Lei de 2007 como na de 2012, pero quen ten que notificar é o Concello”. Neste sentido, lamentou a convocatoria realizada polo PSOE de Lousame á veciñanza para que asistira ao “pleno ordinario no que se debaterá a Lei de Montes que a tantos veciños preocupa”. “Iso é falso. As leis debátense no Parlamento e os seus compañeiros de partido dixeron que non era unha cuestión de política, senón de país, para que ninguén quede sen casa”, lembrou Villaverde, quen lanzou unha pregunta á vintena de veciños e veciñas presentes entre o público: “o Concello de Lousame sancionou a alguén o ano pasado? Non”. Porén si indicou que “no Concello si que lle dixemos a algún veciño que tiña que rozar. E a maioría o fai de bo grao. Pero tamén hai quen non o quere facer e a eses llo notificamos e remataron por facelo”.
Villaverde explicou que “falei coa Consellería antes de vir ao pleno e todos coincidimos en que hai que poñerse a andar. Todos sabemos que o 31 de maio é imposible e que na Fegamp están tratando tamén de buscar financiación para os Concellos, porque temos máis de 80 núcleos sobre os que actuar”. Por iso, Villaverde Pais lanzoulles unha mensaxe tranquilizadora aos veciños: “se temos plantacións preto das casas con piñeiros, eucaliptos, acacias e incluso mimosas, esas as temos que cortar. Logo podemos intoxicar todo o que queiramos pero en Lousame temos que poñernos ao lado das casas. Non podemos ter plantacións cerca das casas”.