CIG-Saúde demanda a convocatoria da mesa sectorial para abordar o incremento retributivo do persoal do SERGAS
Lembra que a consellaría de Educación convocou, o pasado mércores día 16 de maio, a súa mesa sectorial
A CIG-Saúde reclama, unha vez máis, a convocatoria da mesa sectorial para iniciar un proceso de negociación que permita ao persoal do SERGAS recuperar os dereitos laborais e poder adquisitivo perdido. Lembra que a consellaría de Educación convocou, o pasado mércores día 16 de maio, a súa mesa sectorial. Malia non querer abordar todas as cuestións que vén demandando a CIG-Ensino e o conxunto do profesorado, ponse de manifesto que na Xunta de Galiza hai consellarías que poden sentar a negociar. Porén desde o SERGAS hai unha negativa reiterada a abordar calquera cuestión relativa á recuperación dos acordos retributivos e de dereitos roubados ao persoal da sanidade pública galega desde o ano 2009.
A secretaria nacional, María Xosé Abuín, lembra que as traballadoras e traballadores do Sistema Sanitario Público Galego teñen suspendidos acordos retributivos como o de 2008-12, que foi conxelado no ano 2010, o que provocou que as retribucións do persoal do SERGAS “estean no furgón de cola dos sistemas de saúde das comunidades autónomas”. Xunto a este, suspendeuse tamén o acordo retributivo do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PACs), co que se castigou ao persoal médico e de enfermaría a percibir o 80% da contía retributiva de noites e días festivos. O mesmo ocorre coa Carreira profesional e a proposta que o SERGAS presentou na mesa sectorial, que a CIG-Saúde xa denunciou polo seu carácter discriminatorio e restritivo.
Por iso esixen a convocatoria inmediata dunha mesa sectorial do SERGAS na que se aborde a recuperación dos acordos asinados e suspendidos, e a negociación dunha carreira profesional sen discriminación e cun sistema de encadre que sitúe a cada profesional no grao que lle corresponde. “Non ten ningunha xustificación que o goberno de Feixó e a Consellaría de Sanidade sigan a discriminar ao persoal do SERGAS, condenándoos a ter as retribucións máis baixas en comparación co resto dos servizos de saúde, e tamén co resto das/os traballadoras/es da Función Pública Galega”, conclúe Abuín.