miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

"Carta aberta á comarca de Ordes. Non á desinformación. Si á responsabilidade. Non queremos eólicos así"

"Carta aberta á comarca de Ordes. Non á desinformación. Si á responsabilidade. Non queremos eólicos así"
"Carta aberta á comarca de Ordes. Non á desinformación. Si á responsabilidade. Non queremos eólicos así"

Un grupo de veciños da comarca de Ordes mostra a súa preocupación polos tres parques eólicos que están proxectados para a comarca

"Somos un grupo de xente da comarca de Ordes que estamos preocupados, moi preocupados, e que vemos que conforme pasan os días as nosas preocupacións non se calman. O motivo: Que están proxectados para a nosa comarca e arredores 3 mega parques eólicos de 15 aeroxeradores cada un e cunha potencia de 52 MW cada un tamén, situados a menos de 100 metros das casas, ao lado incluso do colexio do Mesón do Vento, polo medio do Camiño de Santiago, en zonas nas que existen explotacións agrarias e gandeiras, con regatos polo medio, zonas de caza, etc, etc, etc A cuestión vai máis alá dos aeroxeradores en si, porque tamén hai que contar con todo o traxecto que farían as liñas de evacuación da enerxía producida que terían que construír, e as subestacións eléctricas, unha das cales iría no Hospital de Bruma, aldea conocida polo albergue de peregrinos que acolle.

A un dos parques, o primeiro do que soubemos, chámanlle Parque eólico de Ardemil, e pasaría por Buscás, Faramilláns, O Seixo, Mesón do Vento e Patrocelos, A Pedreira, A Igrexa, O Castro, O Campo do Sino, O Coto ou O Porto en Vilamaior, Froxil, A Tarroeira, Morgade, ... A súa de afección contén máis de 2.000 habitantes, máis dun 15% da poboación do concello de Ordes. A outro dos parques chámanlle “Parque eólico de Lavandeira” e afecta a Vilasantar e Curtis. E a outro dos parques chámanlle “Parque eólico da Pobra” e afecta a Mesía, Cesuras e Abegondo, pasando por Xanceda, Bascoi, Filgueira de Traba ou Visantoña.

E todo isto, soubémolo de casualidade. Porque nin os respectivos Concellos nin ninguén nos informou como debería desde o inicio, desde que souberon que había estes proxectos. A maioría dos veciños e veciñas soubémolo cando xa pasara o prazo de consulta pública e para presentar as alegacións ao proxecto inicial. No caso do de Ardemil rematou o 11 de abril e no caso do de Lavandeira rematou o 13 de abril. No da Pobra o prazo aínda rematará o 24 de maio.

Como estamos preocupados, algúns fomos este sábado pasado ao Concello de Ordes, ao sábado de portas abertas co Goberno local, para preguntarlle ao alcalde que é isto. Este alcalde intentou quitarlle ferro ao asunto asegurando que a fase de consulta pública regulada polo artigo 34 da Lei 21/2013, de 9 de decembro, da avaliación ambiental, é para o plantexamento de alegacións por parte de organismos ou entes públicos, e que en dita fase non teñen cabida as alegacións de particulares, por máis que nos sintamos afectados. Non entendemos a que ven esta mentira por parte do rexedor, xa que o título do citado artigo 34, segundo se recolle no BOE núm. 296 do 11 de decembro de 2013, é “Artigo 34. Actuacións previas: consultas ás Administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas e elaboración do documento de alcance do estudio de impacto ambiental.

No tocante á preocupación pola proximidade ás casas dos muiños proxectados, dixo o alcalde que non existe unha distancia mínima de seguridade legalmente recoñecida, afirmación que aumenta máis a nosa preocupación, xa queo Plan Sectorial Eólico de Galicia di no seu capítulo III. Estudo de Incidencia Territorial, apartado 3.1. Núcleos de poboación: “(...) a distancia ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable sectorializado, será como mínimo de 500 metros”.

Queremos que TODOS os alcaldes e TODOS os grupos políticos municipais dos concellos afectados (Ordes, Mesía, Cerceda, Carral, Abegondo, Vilasantar, Curtis e Cesuras) cumpran co seu deber e nos defendan como representantes públicos que son, non que traten de ocultarnos información e de tranquilizarnos con palabras que non tranquilizan a ninguén.

Queremos transparencia e non queremos 3 mega parques eólicos a costa de que poñan en perigo o futuro da vida no rural. Non queremos 3 mega parques eólicos cuxa matriz da empresa promotora está en Arabia Saudí. Estes parques eólicos destruirían moito máis do que crearían. Traerían ruído, acabarían coa tranquilidade, impedirían que se poida plantar en moitas fincas, que se poida cazar, provocan interferencias nos aparellos e moitísimas cousas máis que nos estamos vendo obrigados a averiguar porque non se nos está informando como se debería.

Estamos a falar de xigantes, de 3 mega parques eólicos, con muíños que superan os 160 metros de altura e pas de 130 metros de diámetro. Tanto, que tamén superan o máximo de megawatios (50) para que a tramitación de autorización lle corresponda á Xunta. Por iso a competencia para a súa autorización lle corresponde ao Estado e non á Comunidade Autónoma.

A vida dos veciños e veciñas vale máis que os intereses das grandes multinacionais eléctricas. Reclamamos responsabilidade por parte dos equipos de Goberno, por parte de todos os partidos políticos, por parte de todos os colectivos sociais activos nas comarcas e facemos un chamamento a todas as persoas para entre todos poder frear esta locura".

Comentarios
Lo más